A sociedade

Tras sufrir diversos avatares ao longo dos últimos trinta anos, incluíndo algúns períodos de cesamento total da súa actividade, a Sociedade Galega de Nefroloxía (SGAN) reconstituíuse formalmente nun acto celebrado no Colexio de Médicos da Coruña (sede de Santiago de Compostela) o 16 de decembro de 2013. O obxectivo esencial desta refundación foi proporcionarlles un foro profesional e científico aos nefrólogos que exercen na nosa comunidade autónoma que permita promover o coñecemento das enfermidades renais, mellorar de maneira integral a atención aos nosos pacientes e, en xeral, apoiar todas aquelas actuacións destinadas a incrementar os estándares de calidade profesional e científica da nosa especialidade.

A SGAN é unha sociedade nova, cuns obxectivos ambiciosos, equiparables aos de sociedades similares da nosa especialidade con máis experiencia, que esperamos ir alcanzando de maneira progresiva nos próximos anos. En novembro de 2014 organizamos, con grande éxito científico e de asistencia, o primeiro congreso da sociedade, realizado na cidade de Vigo, ao que, esperamos, seguirán outros, con carácter anual, e con non menos éxito. Invitamos a todos os profesionais da nefroloxía con actividade en Galicia a participar neste proxecto. Estendemos a nosa invitación a outros profesionais sanitarios de ámbitos relacionados coa nosa especialidade, así como a nefrólogos de comunidades e países veciños que compartan os nosos
obxectivos, para que participen de forma plena nas nosas actividades. Estamos seguros de que, co esforzo de todos, a sociedade perdurará e alcanzará plenamente os seus obxectivos.

A xunta directiva

Iniciar sesión

Crear unha cuenta
x Logo: Shield Security
This Site Is Protected By
Shield Security