Estatutos

ESTATUTOS DA SOCIEDAD GALLEGA DE NEFROLOGÍA / SOCIEDADE GALEGA DE NEFROLOXÍA

(Acrónimo: SGAN)

CAPÍTULO I: DEFINICIÓN

ARTIGO 1º

Co nome de Sociedade Galega de Nefroloxía créase na cidade de Santiago de Compostela unha asociación de carácter científico, con personalidade xurídica propia, e cuxo ámbito territorial de actuación se circunscribe á Comunidade Autónoma de Galicia.

ARTIGO 2º

A Sociedade Galega de Nefroloxía ten como fins principais promover, estimular e divulgar o coñecemento, a prevención e o tratamento das enfermidades renais, a investigación no campo da nefroloxía clínica, a diálise, o transplante renal e a hipertensión arterial e, en xeral, todas as materias afíns englobadas no ámbito xeral da nefroloxía.

ARTIGO 3º

A Sociedade Galega de Nefroloxía ten os seguintes obxectivos principais:

  • Servir como foro profesional e científico para todos os especialistas en nefroloxía e profesionais en vías de formación na especialidade.
  • Contribuír á melloría científica e profesional dos seus afiliados e promover o desenvolvemento da nefroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Asesorar os organismos públicos e sociedades privadas en materia de nefroloxía.
  • Fomentar a colaboración con outras sociedades científicas estatais, autonómicas e internacionais con intencións afíns.
  • Impulsar o coñecemento das enfermidades renais e de todas aquelas actuacións que contribúan a mellorar a saúde renal da poboación da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Promover o estudo, prevención e tratamento das enfermidades renais e cardiovasculares da poboación.

ARTIGO 4º

A duración da organización será indefinida e terá como domicilio da súa sede social o Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela (Rúa San Pedro de Mezonzo, 39-41, baixo – 15701 Santiago de Compostela).

CAPITULO II: DE LOS ORGANOS DE GESTIÓN

ARTIGO 5º

A organización será dirixida e administrada por unha xunta directiva formada por un presidente, un secretario xeral e un tesoureiro. A Xunta Directiva poderá, logo da aprobación da Asemblea, designar un máximo de dous vogais adicionais. En caso de igualdade de votos, o presidente poderá exercer un voto de calidade. Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva son honoríficos, non terán remuneración e serán designados mediante sufraxio secreto pola Asemblea Xeral Ordinaria. O mandato da Xunta Directiva terá unha duración máxima de catro anos e non poderán ser reelixidos os seus membros para ningún posto na xunta de modo consecutivo. No caso de que non se presente ningunha candidatura ás eleccións convocadas no tempo e na forma procedentes, a Xunta Directiva saínte pode prolongar o seu mandato ata a seguinte Asemblea Ordinaria.

ARTIGO 6º

O goberno da Sociedade Galega de Nefroloxía rexerase polos presentes estatutos, pola Asemblea Xeral dos Membros e pola Xunta Directiva.

ARTIGO 7º

A Asemblea é a autoridade máxima da organización. A Asemblea poderá ser ordinaria ou extraordinaria. A Asemblea Xeral Ordinaria levarase a cabo unha vez ao ano, facéndoa coincidir coas reunións científicas anuais da Sociedade.

Son competencias da Asemblea:

  1. Examinar e aprobar a memoria e as contas correspondentes ao ano anterior.
  2. Propoñer, deliberar e acordar sobre as actividades da Sociedade.
  3. Aprobar ou efectuar moción de censura da xestión da directiva.
  4. Elixir a Xunta Directiva como e cando corresponda.
  5. Ratificar a admisión de novos socios.
  6. Acordar, conforme o artigo 14.º, a expulsión dalgún membro.
  7. Fixar, se procede, a cota anual.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos dos membros con dereito a voto, tanto dos asistentes como daqueles que, con antelación, lle fagan chegar ao secretario o seu voto por correo, respecto de temas previamente especificados e tras a identificación do votante. Todas as eleccións de Xunta Directiva, as mocións de censura, a expulsión dalgún membro, así como todos aqueles asuntos solicitados por máis das dúas terceiras partes dos asistentes á Asemblea terán que facerse, obrigatoriamente, mediante votación secreta.

Para as resolucións sobre censura á Xunta Directiva, expulsión de membros e, en xeral, calquera que implique modificación nos estatutos da Sociedade ou a súa disolución, requirirase a presenza na Asemblea de, polo menos, o 30 % dos membros da organización con dereito a voto.

Como norma xeral, non se considerará válido o voto delegado a terceiros, que si poderá ter consideración como acto simbólico de adhesión a actuacións e decisións xerais tomadas pola Sociedade.

ARTIGO 8º

A Sociedade Galega de Nefroloxía asume as responsabilidades contractuais económicas, laborais e de calquera outra índole que subscriba no ámbito das súas competencias; así como as operacións propias do tráfico mercantil, polo tanto, exonera de calquera responsabilidade o Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

CAPITULO III: DOS MIEMBROS

ARTIGO 9º

A Sociedade compoñerase de socios numerarios, socios correspondentes nacionais ou estranxeiros, socios colaboradores e socios honorarios.

Poderán ser membros numerarios da Sociedade Galega de Nefroloxía todos aqueles especialistas en nefroloxía e médicos en formación acreditada da especialidade, cuxa actividade laboral se desenvolva, ou se desenvolveu nos anos previos á súa xubilación, na Comunidade de Galicia e cuxa solicitude sexa admitida nunha reunión da xunta directiva, ratificada con posterioridade pola Asemblea.

Serán considerados membros fundadores os inscritos durante os tres primeiros meses despois da constitución da organización.

Conservarán a condición de numerarios os socios que acrediten tal condición e pasen á situación de xubilados.

ARTIGO 10º

Poderán ser socios correspondentes aqueles especialistas en nefroloxía, nacionais ou estranxeiros, que residan fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e soliciten ser membros desta organización. O seu nomeamento correspóndelle á Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva ou dalgún dos membros numerarios. Os socios correspondentes terán os dereitos e obrigas dos socios numerarios, aínda que carecen de dereito a voto nas asembleas e non poderán ocupar cargos directivos na Sociedade.

Poderán ser socios colaboradores os licenciados ou graduados universitarios de ámbitos distintos á nefroloxía que, por compartiren os fins e obxectivos da Sociedade Galega de Nefroloxía, soliciten ser membros dela. A súa admisión deberá ser autorizada pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva ou dalgún dos membros numerarios. Os socios colaboradores terán os dereitos e obrigas dos socios numerarios, aínda que carecen de dereito a voto nas asembleas e non poderán ocupar cargos directivos na Sociedade.

ARTIGO 11º

A Asemblea Xeral Ordinaria, por proposta da Xunta Directiva ou dalgún dos membros numerarios, poderá nomear membros de honra a aqueles profesionais que se consideren acredores da devandita distinción polo seu labor especial no campo da nefroloxía. Os socios honorarios teñen os mesmos dereitos e obrigas ca os socios numerarios, aínda que quedan exentos de pagar cota e non poderán formar parte da Xunta Directiva.

ARTIGO 12º

Todos os membros numerarios terán dereito a:

  • Asistiren ás asembleas xerais e demais actos da Sociedade e a interviren con voz e voto nos debates.
  • Elixiren e seren elixidos membros da Xunta directiva e demais comisións que se formen.
  • Solicitaren e obteren información sobre a marcha da Sociedade.
  • Exercitaren os dereitos que se lle conceden nestes estatutos e que a lei lles outorga.
  • Os membros numerarios xubilados estarán exentos do pagamento da cota.

ARTIGO 13º

Serán obrigas dos membros numerarios:

  • Observaren os estatutos e regulamentos de réxime interior.
  • Cumpriren as normas e acordos adoptados polos órganos de goberno.
  • Aboaren a cota anual que se aprobe na Asemblea Xeral.

ARTIGO 14º

Perderase a condición de socio, en calquera das súas categorías, por:

  • Renuncia voluntaria, comunicada por escrito ao secretario da Xunta Directiva.
  • Falta de pagamento de tres cotas anuais consecutivas, logo do apercibimento por parte do tesoureiro.
  • Acordo da Asemblea, por proposta da Xunta Directiva, cando o membro cometese unha falta grave. Previamente convocarase o interesado para que presente as alegacións que estime convenientes no seu descargo. A votación da Asemblea será secreta e para a validez do acordo esixirase unha maioría de 2/3 das persoas presentes con dereito a voto. Contra este acordo poderase recorrer mediante escrito á Asemblea Xeral Ordinaria.

 

CAPITULO IV: DO FUNCIONAMIENTO

ARTIGO 15º

A Asemblea Xeral Ordinaria deberá convocarse cun mínimo de trinta días de anticipación, mediante correo ordinario ou electrónico, dirixido a cada un dos membros da organización, no que constarán lugar, data e hora en que ha de realizarse a Asemblea en primeira e segunda convocatoria, detalle da orde do día e información suficiente sobre os asuntos para tratar e decidir. Non se poderán aprobar asuntos que non estean incluídos na orde do día ou fosen propostos con antelación por escrito ao secretario. A orde do día comprenderá:

  1. Memoria anual da Sociedade Galega de Nefroloxía.
  2. Informe de Tesourería.
  3. Asuntos propostos pola Xunta Directiva.
  4. Asuntos propostos por escrito ao secretario, por un número de membros numerarios non inferior a dez, con antelación suficiente para a súa inclusión na orde do día.
  5. Rogos e preguntas.
  6. No caso de que corresponda a renovación da Xunta Directiva, a convocatoria incluirá as candidaturas presentadas regulamentariamente e canta información electoral resulte pertinente.

ARTIGO 16º

Realizarase a Asemblea Xeral Extraordinaria cando:

  1. O acorde a Xunta Directiva.
  2. Sexa solicitado por máis da terceira parte dos membros numerarios, mediante escrito dirixido ao presidente.

A súa convocatoria efectuaraa o secretario por correo ordinario ou electrónico a cada un dos membros numerarios cun mínimo de quince días de antelación.

ARTIGO 17º

Será competencia da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  1. A modificación dos estatutos.
  2. A disolución da Sociedade.
  3. A presentación dun asunto que xustifique a convocatoria.

Para seren válidos, os acordos relacionados cos dous primeiros puntos anteriores deberán ser ratificados, de maneira presencial ou por correo, por maioría absoluta do total dos membros numerarios, mentres que os acordos que non afecten os estatutos nin a propia existencia da Sociedade deberán ser aprobados por maioría simple dos socios numerarios presentes na Asemblea ou que exerzan dereito a voto non presencial.

ARTIGO 18º

As asembleas xerais quedarán validamente constituídas, en primeira convocatoria, cando estean presentes a metade máis un dos membros e, en segunda convocatoria, que se levará a cabo trinta minutos máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes, sen que se acepte a representación dos ausentes, que poderán emitir o seu voto para a elección de membros da Xunta Directiva ou calquera outro asunto que se someta a votación por correo certificado, debidamente acreditado, dirixido ao secretario.

ARTIGO 19º

Cada un dos cargos da Xunta Directiva será elixido na Asemblea Xeral Ordinaria de socios polos membros numerarios asistentes mediante voto secreto ou mediante voto por correo certificado e acreditado dos membros ausentes entre as candidaturas presentadas regulamentariamente.

A elección de nova Xunta Directiva levarase a cabo durante a Asemblea Xeral Ordinaria do ano anterior á finalización de cada mandato. A nova xunta elixida asumirá as súas funcións plenas na seguinte Asemblea Xeral Ordinaria.

O presidente electo e o secretario electo incorporaranse con carácter inmediato ás reunións da Xunta Directiva vixente con voz pero sen voto.

Se ningún candidato obtivese máis dun terzo dos votos, procederíase a unha segunda volta entre os que maior número de votos obtivesen na primeira. Cada un dos candidatos só poderá optar a un cargo.

A presentación de candidaturas farase por escrito, con antelación suficiente á convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria de socios convocada polo secretario, dirixido a este, e estará avalada por un mínimo de cinco sinaturas de membros numerarios da Sociedade.

ARTIGO 20º

A Xunta Directiva representa a organización e todas as súas funcións son gratuítas. Poderá tomar todos aqueles acordos que se consideren necesarios para a boa marcha da organización e dará preceptivamente conta diso nas asembleas xerais ou ante a petición escrita de calquera dos membros. Nomeará cantos comités de traballo estime pertinentes.

ARTIGO 21º

O presidente da organización será o responsable do seu bo funcionamento e progreso, presidirá a Xunta Directiva e será responsable, xunto co secretario, das actas, e xunto co tesoureiro, da contabilidade da organización cuxos libros deberá asinar. Entre reunións da Xunta Directiva, o presidente da organización poderá actuar no seu nome cando o requira algún asunto urxente. Así mesmo, terá voto de calidade cando se produza empate nas reunións da Xunta Directiva.

ARTIGO 22º

En caso de ausencia do presidente substituirao o secretario e, en ausencia deste, substituirao o tesoureiro. En ausencia sostida do secretario e/ou tesoureiro, as súas funcións haberán de ser asumidas polos vogais designados. En caso de ausencia ou renuncia de máis de dous membros da Xunta Directiva, o presidente (nato ou en funcións) está facultado para designar vogais adicionais que lle axuden a cumprir as funcións da organización. Estes nomeamentos deberán ser ratificados pola seguinte Asemblea Xeral Ordinaria por maioría simple.

ARTIGO 23º

O secretario da organización terá as seguintes misións:

  • Realizar o censo dos membros da Sociedade.
  • Encargarse da correspondencia.
  • Confeccionar a orde do día das asembleas xerais e das reunións da Xunta Directiva.
  • Elaborar as actas, e reflectilas fielmente no Libro de Actas, das asembleas xerais e das reunións da Xunta Directiva que, unha vez aprobadas por estas, asinará xunto co presidente da Sociedade.

ARTIGO 24º

O tesoureiro está encargado do cobramento das cotas, do aboamento dos gastos e da contabilidade da organización. Así mesmo, elaborará a proposta da cota anual desta. Ademais, presentaralles a contabilidade e o estado financeiro da Sociedade á Xunta Directiva e á Asemblea Xeral para a súa aprobación. Asinará os libros contables e o balance anual xunto co presidente da Sociedade.

Calquera pagamento efectuado a cargo da Sociedade deberá estar apoiado por dúas sinaturas da Xunta Directiva.

ARTIGO 25º

A Sociedade Galega de Nefroloxía levará a cabo reunións científicas coa periodicidade que determine a Asemblea Xeral, co fin de intercambiar e difundir os resultados do traballo científico dos seus membros, poderanse convidar aquelas persoas non pertencentes á Sociedade que poidan expoñer temas de interese para os obxectivos desta. A Xunta Directiva poderá convocar actos e reunións científicas extraordinarias nas ocasións e cos motivos que considere oportunos, e é responsable da súa Sociedade para lograr un mellor éxito.

ARTIGO 26º

Estes estatutos non poderán ser modificados máis ca en Asemblea Xeral Extraordinaria e co voto favorable da maioría absoluta dos membros da Sociedade con dereito a voto, exercido de maneira presencial ou por correo.

ARTIGO 27º

A Sociedade non dispón de patrimonio fundacional. Os recursos financeiros da Sociedade para o cumprimento dos seus obxectivos e o desenvolvemento dos seus fins consistirán:

  • Nas cotas ordinarias dos membros.
  • Nas doazóns e legados ao seu favor.
  • Nas subvencións que poidan ser concedidas.
  • Calquera outro recurso lícito.

O exercicio económico coincidirá co ano natural e o peche efectuarase o 31 de decembro de cada ano.

CAPITULO V: DA DISOLUCIÓN

ARTÍCULO 28º

A Sociedade soamente se poderá disolver por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, expresamente convocada para este fin. Para ter validez ha de ser adoptada, polo menos, por maioría absoluta dos membros numerarios da Sociedade mediante voto presencial ou por correo.

En caso de disolución da Sociedade e de non acordar outra cousa a Asemblea, actuará como comisión liquidadora a última Xunta Directiva en exercicio, a cal, unha vez que realice os dereitos e as obrigas pendentes, traspasará o remanente do capital social ao Colexio de Orfos de Médicos.

DISPOSICIONS FINAIS

PRIMEIRA:

Ás disposicións non recollidas nestes estatutos aplicaránselles as leis vixentes.

SEGUNDA:

Os membros da Sociedade Galega de Nefroloxía renuncian a calquera outro foro que puidesen ter e sométense en caso de litixio aos tribunais de Santiago de Compostela.

© Sociedade Galega de Nefroloxía – Aviso legal

 

Iniciar sesión

Crear unha cuenta
x Logo: Shield Security
This Site Is Protected By
Shield Security